Saturday 18 de May de 2024

Máis dun cento de persoas arroupan a Constantino Cuesta na presentación do seu terceiro libro: “Una jaula de chiflados”


O autor asegura que “non é un tratado de psiquiatría” senón “un paseo por un mundo prohibido para tratar de desmitificar as enfermidades mentales”

Máis dun cento de persoas ateigaron o auditorio do centro cultural de Sigüeiro para asistiren á presentación en sociedade do libro “Una jaula de chiflados”, escrito polo veciño Constantino Cuesta Ibáñez, médico de atención primaria no centro de saúde orosán. Un acto no que o autor foi presentado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e que contou coas actuacións musicais dos irmáns Smeu.

Mirás Franqueira salientou que “Una jaula de chiflados” é “un libro moi recomendable xa que achega á xenta común as enfermidades mentais narrando as experiencias dos enfermos e así aumentar a tolerancia da sociedade fronte a unhas enfermidades que, cando aparecen, case todo o mundo trata de ocultalas”. Algo que corroborou Cuesta Ibáñez, quen dixo: “gústame dar cara aos invisibles, neste caso persoas con enfermidades mentais. Non son apestados, son persoas que teñen a desgraza de que lles cae enriba esa enfermidade”.

Neste sentido, Constantino Cuesta explicou que o libro “non é un tratado de psiquiatría, é un paseo polas enfermidades mentais e ver como se desenvolve a vida destas persoas nun psiquiátrico”, polo que desexou que os lectores “deades un paseo por un mundo prohibido para tratar de desmitificar estas enfermidades”.

Terceiro libro

“Una jaula de chiflados” é o terceiro libro de Constantino Cuesta, tras a publicación da novela coostumbrista “Herdeiros da miseria” (2012) e da novela histórica “Soñadores sin porvenir” (2013). Constantino Cuesta Ibáñez naceu en Baracaldo (Vizcaia) en 1959 e rematou os seus estudos menciña e cirurxía en Santiago de Compostela (1982). Durante varios anos percorre unha gran parte dos municipios da área sanitaria de Santiago ata que dende xaneiro de 2006 se asenta en Oroso, onde é médico de atención primaria do centro de saúde de Sigüeiro.

Ademais da escritura, Cuesta Ibáñez ten realizado múltiples exposicións de pintura en Oroso e por toda Galicia. Ademais, foi o representante do Concello de Oroso no certame internacional GoisOrosoArtes de 2015.